Pontevedra enmárcase nunha das rexións máis dinámicas de Galicia, como é a rexión urbana Vigo-Pontevedra, que á súa vez forma parte do Eixo Atlántico, ámbito cunhas dinámicas territoriais complexas. Así mesmo, destaca a súa posición estratéxica como conexión entre o Eixo Atlántico e as áreas do Salnés, de gran peso turístico de Galicia. A unha escala menor, evidénciase unha clara continuidade urbana entre Pontevedra e os municipios limítrofes, especialmente Marín e Poio, o que mostra as fortes dinámicas territoriais existentes resultado do intenso proceso de litoralización no ámbito, común a toda a fachada occidental marítima galega.
Pontevedra presenta unha proxección demográfica positiva, aínda que moderada, o que contrasta coa progresiva perda de poboación do contexto galego. Ese crecemento de poboación non é heteroxéneo, senón que se percibe unha polarización, xa que se produce un incremento positivo na cidade compacta, mentres que as áreas periféricas, de carácter rural, perden habitantes, co seu consecuente envellecemento.
En canto á paisaxe e ao territorio, destaca unha densa rede de elementos naturais de elevado valor ecolóxico cun gran potencial para a xestión dunha infraestrutura verde e azul a nivel rexional. E o caso dos ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos, importantes corredores ecolóxicos con potencial para integrar as dinámicas fluviais e introducir os servizos ecosistémicos na cidade, así como a coroa de parques forestais, iniciada cos parques do Pontillón, A Tomba e A Fracha. A eles únense outros espazos de elevado valor natural e ecolóxico situados nos bordos da cidade e na súa contorna fluvial, que actualmente presentan un mellorable grao de integridade. Complementariamente, destaca en Pontevedra unha coroa periférica de carácter agrario ou rururbana, de elevada importancia paisaxística e dentro da infraestrutura verde local, que bordea a cidade compacta e que liga outros núcleos urbanos da área metropolitana.
Retos
- Expandir o modelo implantado na cidade compacta mediante estratexias sólidas e integradas.
- Fomentar a creación dunha estratexia policéntrica supramunicipal, definindo o papel de Pontevedra na rexión.
- Implantar unha estratexia de infraestrutura verde multiescalar.