Diagnose da Axenda Urbana Pontevedra 2030

Mobilidade e transporte

No seu contexto territorial, Pontevedra enmárcase dentro do Eixo Atlántico, territorio dinámico que vincula as principais áreas económicas de Galicia e norte de Portugal, cuxas conexións se materializan inicialmente mediante o viario nacional N-550, conectando Vigo coa comarca de Vilagarcía-Salnés e posteriormente pola vía de alta velocidade AP-9. Ademais, Pontevedra desenvolve un papel nodo dentro da rede de comunicacións do sur de Galicia, o que deriva nunha densa rede de infraestruturas, funcionando como nodo conector ou porta de acceso á comarca do Salnés, cunha forte compoñente turística.

A unha menor escala, diferentes viarios de media capacidade conectan o municipio coa súa contorna inmediata, subcentros do ámbito territorial ou área metropolitana, situándose Pontevedra como punto de conexión ou bisagra entre as comarcas do Salnés e O Morrazo.

Aproximándonos a unha escala urbana ou cidade compacta, a mobilidade urbana de Pontevedra experimentou unha profunda transformación nestes últimos anos, aplicando un modelo que pon á cidadanía como actor principal na mobilidade, reducindo considerablemente o tráfico rodado no núcleo, modelo o cal ten implicacións na configuración urbana da cidade, xerando un maior número de áreas de estancia de pequena dimensión, así como achegando unha elevada calidade urbana ao ámbito, o que lle outorgou numerosos premios e recoñecementos á cidade ata o momento, convertendo a Pontevedra nun referente en mobilidade urbana sostible.

O modelo implementado parte de tres premisas; a Accesibilidade Universal no espazo público, o equilibrio e cohesión no uso do espazo público -recuperando o espazo público para a cidadanía, historicamente invadido polo vehículo, e apostando pola preferencia peonil no núcleo urbano – e a consecución dun espazo público seguro – incrementando a seguridade peonil e favorecendo os desprazamentos non motorizados-, dando como resultado un sistema ou modelo viario caracterizado pola presenza dunha rede viaria xerarquizada, priorizando os modos de desprazamento non motorizados, quedando relegado o vehículo privado ao último posto na escala de prioridades.

A adecuada xerarquización viaria de Pontevedra permite satisfacer os desprazamentos motorizados de gran escala sen comprometer unha baixa motorización das áreas centrais, así como a correcta correspondencia entre morfoloxía de cada viaria e a súa función, primando sempre a consecución dunha rede peonil segura, accesible e amable. Deste xeito, estipúlase a función para desempeñar, así como os usos admitidos en función do ancho de plataforma e posición no conxunto, diferenciando as áreas de preferencia peonil, viarios de único sentido, e viarios de dobre sentido ou dobre circulación.

Este modelo urbano implementado na cidade compacta comezou a expandirse a outras áreas do conxunto territorial mediante a implementación e consolidación de núcleos de centralidade nos principais núcleos rurais, espazos de convivencia que liguen os equipamentos existentes, que pretenden potenciar a mobilidade peonil e incrementar as áreas verdes, seguridade viaria e accesibilidade.

A oferta de transporte público baséase en dúas liñas urbanas que conectan a cidade compacta e a súa área periférica inmediata, así como 12 liñas de transporte no ámbito intramunicipal, conectando as parroquias. Ademais, ata 81 liñas de transporte supramunicipal ou interurbano teñen algunha parada no municipio, conectando Pontevedra cos principais municipios do contexto territorial. Con todo, os desprazamentos efectuados en transporte público supoñen o 1,9% do total, lonxe do 46,5% en vehículo privado motorizado ou o 51,6% en modos non motorizados. Engádese tamén a oferta de ferrocarril, comunicando Pontevedra coas principais áreas do eixo galego norte-sur. En termos de transporte público destaca positivamente a integración a estación de autobús e estación de ferrocarril, conformando un único nodo de transportes. Tamén destaca coa existencia do programa “Coche de punto”; sistema de transporte a demandaorientado a mellorar a mobilidade da poboación residente nas áreas máis rurais da cidade.

Retos

  1. Expandir o modelo de transformación ás áreas periféricas ou limítrofes da área urbana.
  2. Dar unha resposta integrada e competitiva a escala de área metropolitana.
  3. Integrar unha perspectiva de xénero e inclusión social.