No ámbito da Axenda Urbana volven a Santa Clara os encontros de Urbtopías sobre o futuro das cidades. Desta vez, a bioconstrución foi o tema que centrou o debate e as reflexións de Carlos Quintáns, arquitecto e profesor de Construción na ETSA da Coruña e da arquitecta Cristina Ansede. A xornalista María Hermida moderou unha conversa que xirou arredor da necesidade de reflexionar sobre a construción actual, os métodos e materiais empregados, da definición do termo bioconstrución e da responsabilidade individual, alén da institucional, á hora de decidir que, como e para que construímos e que, como e para que consumimos, para reducir o impacto ambiental. Rehabilitar en vez de facer vivendas novas, empregar materiais do ámbito próximo e recuperar vellos oficios no ámbito da construción foron algunhas das propostas do encontro, así como recuperar a memoria da construción tradicional do país.