O modelo de cidade e o futuro verde, puntos centrais da Axenda Urbana de Pontevedra que marcará as vindeiras políticas locais

O documento, obrigatorio para a solicitude de fondos europeos, propón proxectos como mellorar os espazos verdes da cidade, recuperar os corredores fluviais e peonís, recuperar os muíños do Gafos cun obxectivo ambiental, fomentar o transporte a demanda, a compostaxe ou crear comunidades enerxéticas cun proxecto piloto no Campiño.

A concelleira responsable da xestión de fondos europeos, Anabel Gulías, presentou esta mañá o documento da Axenda urbana de Pontevedra, un documento estratéxico e un plan de acción que marca o punto de partido do futuro da cidade, que foi presentado esta mañá na Comisión de Mobilidade que tivo o apoio do grupo de Goberno, a abstención do Partido Popular e o voto en contra do concelleiro non adscrito. Este documento será debatido no pleno extraordinario do vindeiro luns, 12 de setembro. 

Destes traballos previos fíxose un marco estratéxico e uns plans de accións baseados en 10 ámbitos temáticos con 38 actuacións estratéxicas. Eses ámbitos son: Territorio, Modelo de cidade, Resiliencia – Cambio climático, Economía circular, Mobilidade, Inclusión social, Economía urbana, Vivenda, Innovación dixital e Gobernanza. A Axenda urbana “é unha continuidade evidente do que se ten feito neste mandato que estivo marcado pola pandemia”, explicaba Anabel Gulías quen adiantou que o futuro pasa por:

  • Avance no modelo de cidade
  • Máis verde, máis ecoloxía.

A modo de exemplo explicou que o documento recolle accións coma: 

  • A recuperación dos corredores fluviais e creación de corredores ecolóxicos peonís, é dicir, unha rede de sendas fluviais, como a conexión do Pontillón do Castro seguindo os ríos Rons e Verducido, até a Xunqueira de Alba
  • Determinar o futuro das concesións de Costas, dende a Xunqueira de Alba, os terreos da Pontesa en Ponte Sampaio ou as marismas de Lourizán (Ence). Recuperación do patrimonio etnográfico ambiental, especialmente, na Moureira e no río Gafos como a creación da Oficina PO2 no Muíño do Gafos (na rúa do Muíño) ou, xunto á Escola técnica superior de Arquitectura da Coruña, a creación da Cátedra do Espazo Público que será unha realidade no vindeiro ano.
  • Suporá unha intervención nos Muíños da Moureira , no tramo final dos Gafos.
  • Recuperación de espazos verdes na cidade: praza de Barcelos, Santa Clara, Mollavao ou a zona intermareal de Ponte Muíños.
  • Colaboracións coas Mancomunidades de Montes a través dos Plans forestais e de axudas ás comunidades de montes para traballos e plantacións no monte.
  • A recuperación do paseo do Lérez entre as pontes das Correntes e a dos Tirantes
  • A creación de comunidades enerxéticas potenciando o uso de fontes de enerxías renovables coa idea de facer un proxecto piloto para o Polígono do Campiño. Compostaxe Coidado dos recursos hídricos
  • Mobilidade coa redución de tráfico entre Eduardo Pondal e a Ponte da Barca; actuacións en Mollavao e Rosalía de Castro.
  • Transporte urbano e transporte a demanda Conectividade peonil e ciclista da cidade con Praceres e o Gran Montecelo.

 

Anabel Gulías explicou que estes son algúns dos exemplos que recolle a Axenda Urbana, un documento estratéxico necesario para a solicitude de vindeiros fondos europeos, pero un documento “de cidade que non ten medo ao futuro”. Tamén adiantou que se trata dunha estratexia viva, aberta e que volverá a ser participada a medida que se vaian plasmando os distintos proxectos e propostas.